Salón de actos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal desexa sumarse á celebración do Mes da Ciencia en galego nas bibliotecas e, con este motivo, presenta a conferencia “A revolución xenómica“ que pronunciará o Catedrático de Medicina Legal e experto internacional en Xenética Ángel Carracedo Álvarez o martes 22 de novembro ás 19.00h no Salón de actos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
O xenoma é o conxunto de xenes contidos nos cromosomas, o que pode interpretarse como a totalidade da información xenética que posúe un organismo ou unha especie en particular. O xenoma dos seres vivos contén unha enorme cantidade de información e, na actualidade, a investigación xenómica ten moitos campos de aplícación: Medicina, Bioarqueoloxía, Antropoloxía, evolución e estudo de migracións humanas, paleoxenética principalmente a partir do ADN fósil; identificación por ADN , etc.
Ángel Carracedo é Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago (1978) e Doutor en Medicina pola mesma USC (1982), ambos con premio extraordinario. Catedrático de Medicina Legal desde 1989 e Director do Instituto de Medicina Legal da USC (desde 1994 ata 2012). Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS-Xunta de Galicia) (desde 1999), Director do Centro Nacional de Genotipado-ISCIII (desde 2002). Xefe de grupo do CIBER de enfermidades raras (CIBERER) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). O grupo de Medicina Xenómica que coordina consta de 10 grupos de investigación, varias plataformas tecnolóxicas e arredor de 100 persoas. Actualmente compaxina a investigación coa labor docente. É profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Ten publicado 12 libros e máis de 600 artigos en revistas internacionais (SCI) incluíndo artigos en Nature, Science, NatureGenetics, ademais das principais revistas de xenética médica, cáncer e medicina forense. Segundo Thomson e Reuters (Web of Knowledge) o Grupo de Medicina Xenómica que dirixe é o primeiro a nivel mundial en citacións na área da Medicina forense no último decenio (2001-2011) e el é o autor con máis artigos, máis citacións e maior índice H na área. As súas principais liñas de investigación actuais inclúen a xenética do cancro e das enfermidades psiquiátricas en idade infantil e a farmacoxenómica.
Presidente da International Society for Forensic Genetics. Codirector da Unidade de Medicina Molecular Inco Sergas, Vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal, membro do Grupo Europeo do ADN e da Comisión de ADN da Comisión de Xustiza dos Estados Unidos de América, coordinador da Rede europea de estandarización do ADN e da Rede iberoamericana de xenética molecular aplicada á medicina forense.
Ten recibido numerosos premios de investigación entre os que destacan o Premio Rey Jaime I, a Medalla Galien, o Premio Galicia de Investigación, a Medalla Castelao, o Premio Novoa Santos, a Medalla de Galicia, a Cruz ao Mérito Policial, entre otros. En setembro de 2015 recibiu o Premio Nacional de Xenética na súa modalidade aplicada.