O Instituto de Saúde Carlos IIII (ISCIII) financiará a este consorcio do que forman parte máis de vinte hospitais, así como grupos de investigación de alto nivel
A busca de determinantes xenéticos e biomarcadores xenómicos de risco que podan predispor a sufrir unha infección a causa do virus SARS-CoV-2 máis grave, ou que mesmo podan causar a morte en persoas aparentemente sen factores de risco asociado, é o principal obxectivo da investigación dirixida polo catedrático da USC, responsable do grupo de Medicina Xenómica e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica do SERGAS, Anxo Carracedo, investigador do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. Xunto a Carracedo, coordinará este proxecto o director científico do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras, Pablo Lapunzina. O proxecto conta tamén coa axuda da Fundación Amancio Ortega, dentro do seu presuposto para a loita contra a COVID-19.
O consorcio internacional do que forman parte máis de vinte hospitais, así como grupos de investigación de alto nivel, acometerá asemade a busca de biomarcadores xenómicos de risco ou protección en pacientes que teñan recibido tratamento durante a infección e que evolucionaran de xeito dispar. Este proxecto abarcará a 8.000 pacientes con infección por SARS-CoV-2 e test microbiolóxico positivo, tanto de España como doutros países do mundo. Concretamente, centrarase en 7000 pacientes de España e outros 1000 de países latinoamericanos, cunha maior mestura xenética.
Con estes datos, os investigadores disporán do poder estatístico suficiente para determinar a relación entre os eventos de interese e as variantes xenéticas estudadas. O consorcio desenvolverá un estudo de asociación de xenoma completo (GWAS) na mostra de 7.000 pacientes españois e un estudo de secuenciación de xenoma completo en 300 pacientes seleccionados. O GWAS realizarase no Centro Nacional de Xenotipado na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS).
Adecuación e optimización de protocolos terapéuticos
“Os datos clínicos, é dicir, signos, síntomas e achados, así como os antecedentes persoais e epidemiolóxicos recolleranse nunha base de datos común xa deseñada para este proxecto”, explica Anxo Carracedo. “Atoparemos así determinantes xenéticos/xenómicos de risco e mala evolución que permitan unha mellor estratificación dos pacientes e a adecuación e optimización de protocolos terapéuticos”, afirma o catedrático da USC.
O proxecto desenvolverase ao longo dun ano e será coordinado dende o Centro de Investigación Biomédica en Rede. Na execución do mesmo, intervirán investigadores de Santiago de Compostela, Vigo, Lugo, Santander, Madrid, Bilbao, Valladolid, A Coruña, Segovia, Granada, Barcelona, Leon, Soria, Burgos, Sevilla, Lleida e Tenerife, así como de varios países de Latinoamérica e Europa como Arxentina, Uruguai, Brasil, México, Colombia ou Reino Unido.